quarta-feira, 12 de julho de 2017

Goberno alternativo?

Tratar de constituir un novo goberno é legal, pero tamén e lexitimo e perfeitamente xustificable.

É legal. De feito hai unha reforma legal de 2011 na que os concelleiros transfugas non contan á hora de contabilizar os apoios que precisa un goberno alternativo investido através dunha moción de censura, e aproveito para dicir, que aquí non hai nengún transfuga.

É absolutamente lexítimo que tratemos de constituir un goberno alternativo, e probablemente, de producirse, é o formato mais limpo da historia política galega, e isto é así por varias razóns.

Por coherencia ideolóxica: porque tres dos partidos da oposición son conservadores, e liberal outro, C21. Todo o mundo sabe que os partidos liberais e conservadores poden pactar e soen pactar. Nos dixémolo ducias de veces, fomos e somos críticos co periodo 1991-2015 e continuámolo sendo, diciamos que en Tui non era posible polas persoas, se hai recambio nas persoas remóvese o obstáculo principal.   Durante a campaña fomos moi claros, ninguén nos pode reprochar ter conseguido votos prometendo unha cousa e facendo outra. Ninguén. Tamén é verdade que é imposible actuar a gusto dos 1195 votantes que tivemos, algúns enfadaronse connosco en 2015, por apoiar un goberno de esquerdas, outros enfadaranse agora, obviamente non nos alegra, é o que ten a democracia representativa, C21 quere apostar pola democracia directa nalgúns asuntos, como os orzamentos participativos. 

Por transparencia total, calquera actuación deste teor soe ser tremendamente oscurantista, non desde logo neste caso. dixemos públicamente que estábamos dispostos ao pacto e puxemos condicións ao mesmo, tanto de renovación de persoas como de liña programática e ambas cousas foron feitas públicas cunha nota de prensa a primeira en xaneiro e cunha roda de prensa o 1 de xullo a segunda, o alcalde sabiao desde outubro de 2016 como recoñeceu en prensa e non moveu un dedo para abrir un diálogo que contribuise a evitalo. 

Lexitimidade democrática absoluta: os partidos que estamos na oposición obtivemos máis votos e máis concelleiros que os que están no goberno. É mais, non ten uns principios democráticos moi firmes quen cre que están mais lexitimados para gobernar 8 concelleiros que 9. Lembremos ademais que o señor Cabaleiro é alcalde sen ser candidato da forza máis votada e que o PSOE acaba de presentar unha moción de censura na que obterían a alcaldía en Valdemoro, localidade na que foron cuarta forza. Por certo, estase esquecendo interesadamente que C21 foi a terceira forza máis votada en Tui, desde as elección ninguén se preocupou en lembralo, somos diferentes, somos innovadores e portanto incómodos para os inmobilistas.

Deixamos un tempo máis que prudencial para coñecer como funcionaba o goberno, é obvio que en dous anos non se poden resolver todos os  problemas de Tui pero tamén puidemos ver atitude, a capacidade de xestión e os resultados. Plantexar un goberno alternativo uns meses despois de ter investido a outro tampouco sería correcto, non da tempo a avaliar ao goberno, obviamente non é o caso, acabamos de pasar o ecuador do mandato.  

Un hipotético novo goberno é totalmente xustificable, lembremos que apoiamos a Enrique Cabaleiro na investidura cumprindo a nosa promesa eleitoral de que nunca fariamos alcalde a Rocha nen por activa nen por pasiva. Podiamos ter tentado conseguir a alcaldía nese momento e non o fixemos, obviamente isto destroza moitos relatos interesados, eu podería moi probablemente ter sido elexido alcalde no 2015 ou cando menos xogar as miñas bazas nese sentido e non o fixen. 

Fixemos o correcto, cumprir a nosa promesa eleitoral de apoiar ao candidato alternativo a Rocha e non entrar no goberno, pero todos sabemos que o cumprimento dos programas brilla pola sua ausencia na política española. En política moi pouca xente cumpre o programa cando vai en detrimento das suas opcións de tocar poder, vimos despois con certa sorpresa que o alcalde e o goberno non nos agradeceron en absoluto o apoio, e iso resultou ser o preludio da atitude que vimos no goberno nestes dous anos, desde o inicio C21 tendeu a man ao goberno e ofrecemonos como socio estable exterior ao goberno, a nosa proposta non foi aceptada, en seguida vimos a estratexia, a C21 nen auga. Non só evitaron o diálogo connosco senón que a nivel de formas non se comportaron correctamente.

En todo o que levamos de mandato non se aceptou unha soa proposta de C21, nen a supresión ou rebaixa do imposto da plusvalía de cara aos orzamentos do 2016, nen pequenas cousas simbólicas como as consultas por internet ou o reloxo antidebeda, cuestións de importancia menor pero que puxeron de manifesto que había unha consigna clara de evitar calquera influencia nosa no concello. Tremenda torpeza política a de golpear a quen renunciando a posibilidades propias te facilitou o aceso ao goberno. 

Fixemos en todo momento unha oposición construtiva e fomos pagados con desplantes e incluso con acusacións de xenofobia. En definitiva non somos masocas nen martires e temos o compromiso cos nosos votantes de tratar de aplicar o noso programa na medida que poidamos, con este goberno quedou claro que a capacidade de influencia era cero, cun goberno en minoría!!.

Tamén é xustificable, por moito que agora fagan fotos os oito membros do goberno xuntos nunha manobra propagandistica, o goberno actuou como catro compartimentos estancos durante todo o mandato, e a proba é que o único proxecto relevante que lanzou este goberno é a abertura da rua Ourense, o BNG implementou a peonalización que lle deixou praticamente todo feito o anterior goberno do PP: a ordenanza, os bolardos automáticos, etc, e vai sair en pouco tempo o PEPCH que tamén deixou o anterior goberno do PP moi avanzado, é dicir, proxectos propios a abertura da rua Ourense e sendo moi xenerosos (como sempre fomos), xa que non está ainda aberta, non houbo estratexia común de nengún tipo nen acordo programático previo á constitución do goberno. Puxeron o carro diante dos bois, non significa que fixeran todo mal, pero o balance de xestión é mediocre.

E finalmente, un goberno que constituisemos os nove concelleiros da oposición sería moito máis novo en idade que o actual goberno, estaría composto por unha inmensa maioría de concelleiros que entraron por primeira vez no concello en 2015 e en 2017, supondo un relevo xeneracional profundo e definitivo no concello do que non pode presumir o goberno actual e sobre todo a presenza de C21 nun papel relevante garante que o cambio é real e non o digo eu senón que o di o nervosismo dalgúns que saben que C21 é unha organización xenuinamente progresista, con capacidade de xestión, con probado amor a Tui e con visión estratéxica, se acreditasen de verdade que o que se propón é unha volta ao pasado, ou unha manobra lampedusiana, de cambiar para que todo siga igual, estarían moito máis tranquilos, darian por feito o apoio masivo nas eleccións do 2019 pero teñen serias dúbidas de que o goberno que os pode sustituir non fose máis eficaz, participativo e transparente e desde logo moitísimo mais cohesionado e coordenado que o deles, dai probablemente a histeria dalgúns. 

Fago un chamamento á calma, a catedral seguirá no mesmo sitio, tanto se segue este goberno como se non deberiase aceptar como un acto de plena normalidade democrática, é comprensible que os nosos adversarios nos critiquen, forma parte consustancial do xogo político, pero non que nos difamen utilizando calquera cousa, como mentiras para espallar dúbidas sobre o meu compromiso co esclarecimento no acidente de Angrois ou gravísimas instigacións ao transfuguismo ao meu compañeiro Eduardo ou que se dediquen exclusivamente a facer ataques persoais sen argumentos á miña persoa, non vamos tolerar un linchamento antidemocrático, esperemos que, pase o que pase, todo se desenvolva con tranquilidade e con contraste de argumentos a favor ou en contra do goberno ou a favor ou en contra da proposta alternativa. No que de min dependa, se paso a estar no goberno, podo asegurar que este será moito máis dialogante que o actual pese a que contaría con maioría absoluta, a diferenza do actual.

En suma, governo alternativo? Depende dun acordo programático público previo ao que non se chegou ainda.