quinta-feira, 2 de março de 2017

Que faria o novo goberno?

C21 ven de propor ao Partido Popular e aos partidos da sua órbita un pacto para configurar un novo goberno, non sei se vai producir ou non, pero coido que os tudenses merecen saber que é o que faría ese novo goberno, ou cando menos que é o que proporía C21 que debería facer ese novo goberno.

En primeiro lugar darlle un forte impulso á participación cidadá que está na actualidade en estándares peores que os do anterior alcalde, nos proporiamos a instaturación da figura do 18 concelleiro, é dicir, se unha persoa física ou xurídica reúne un número determinado de asinaturas puidese presentar e defender esa proposta ante o pleno, tamén defendemos a implantación de orzamentos participativos nas parroquias, cada parroquia, dentro dos recursos disponíbeis, fixaría democráticamente as suas prioridades de investimento. Por suposto, dentro dun limite razoable e do debido respeito o público podería facer cantas preguntas considerase oportunas nos “Rogos e preguntas” do público, cousa que agora non pode facer.

Desde a perspectiva fiscal C21 suprimiría o imposto da plusvalía e fortes bonificacións do ICIO, especialmente no casco vello, tamén hai moito campo de mellora na eficiencia da recollida do lixo, hai moito percorrido para apostar pola reciclaxe e a compostaxe reducindo a factura de SOGAMA e obtendo uns ingresos pola venda do material reciclable. As baixadas de impostos atraen actividade e a actividade acaba producindo a medio prazo aumentos de recadación, non vamos prosperar convertindo Tui no inferno fiscal ao que aspira a esquerda. 

Convertiriamos a Tui nun concello business friendly, é dicir, amigable para os negocios, para atraer capital privado e poboación, algo imprescindible para relanzar a decaidísima actividade económica. E non facéndolle favores a ninguén, simplemente baixando impostos e mellorando a axilidade coa que o departamento de urbanismo tramita as licenzas. Tamén impulsaríamos a seguranza xurídica, os empresarios e autónomos teñen que ter seguridade xurídica para investir con confianza. 

En relación ao uso do remanente de tesouraria proporiamos a abertura completa da rua Ourense, cara o sur (xa en marcha) como cara o norte, cara a Avenida da Concordia, tamén habería que relanzar o proxecto de paseo natural á beira do rio desde Caldelas a Areas, compraríamos a faixa de terreo necesaria para ampliar o nº1 e poriamos eses terreos a dispor da Xunta para a ampliación do Colexio. Executar o PXOM no que se refire á Area Panorámica convertindoa en zona verde e de lecer e para compensar a perda de prazas de aparcamento, habería que convertir as zonas de aparcamento en liña en aparcamento en espiga e as direccións únicas que permitise xerar a abertura da rua Ourense implantar tamén aparcamento en batería ou espiga (idea xa esbozada polo actual goberno). Unha parte do remanente ficaria sen gastar, para ir acometendo proxectos nos vindeiros anos, mentres anos se poderia investir, se hai encaixe legal, que coido que o hai, en bonos do tesouro. 

O casco vello é moi importante, o futuro de Tui como polo de atracción turística, ainda que non é doado hai que ver formulas que permitan restaurar o Teatro Principal e en relación ás casas que están con expedientes de derribo en marcha, máis de 10, se os propietarios se desentenden delas, subastalas a baixo prezo para particulares dispostos a rehabilitalas, tratar de implicar ao Instituto da Vivenda e o Solo na rehabilitación das que non se puideran vender a particulares. É moi importante tamén o soterrado do cableado e aproveitar para meter fibra óptica e gas por todas as ruas, o Plan Director do Consorcio teno previsto, compre tamén virar dun modelo de lecer nocturno a un de lecer diurno orientado ao turismo e aos tudenses. Continuariamos co proxecto de peonalización actual, coa perpectiva de ilo aumentando, seguiríamos tamén a tramitación que está a levar o BNG do novo PECH, non é perfecto pero non podemos seguir esperando, levamos neste asunto 20 anos de retraso, como en moitas outras. 

Compre tomarse a Eurocidade en serio, un proxecto de carril bici que unise Tui e Valença sería un proxecto que reforzaría a integración entre Tui e Valença, primeiro hai que dotar a entidade de personalidade xurídica propia. En relación á cuestión industrial habería que por toda a carne no asador para conseguir dunha vez a execución do acceso do Polígono de Areas á VAC. 

Desde logo non sería un goberno continuista nen regresivo, senón máis progresista que o actual, máis innovador e moito pero que moito máis reformista. Estou convencido que é o proxecto que Tui precisa para gañar o futuro.