sexta-feira, 30 de dezembro de 2016

Profunda decepción

Cando o ano 2016 toca ao seu fin e tras ano e medio de exercicio do poder polo novo goberno municipal xa podemos facer valoracións sen temor a estar xulgando sen información, ainda que sempre dentro da subxectividade humana, salvo Yolanda Rodríguez, ninguén está na posesión da verdade absoluta. A decepción que sentimos en C21 a respeito do novo goberno, o mesmo cuxo alcalde nós apoiamos incondicionalmente na investidura é profunda e fácilmente argumentable. 

Pero queremos comezar deixando claro e afirmando algo que todo o mundo puido comprobar nos plenos do que levamos de mandato, a oposición en xeral, e C21 en particular, foi tremendamente moderada, construtiva e responsable, como o alcalde recoñece en privado, se a este factor lle sumamos que o goberno está en minoría, ao contar con 8 concelleiros, frente a 9 da oposición, as condicións estaban servidas para que o goberno estivese especialmente agradecido e tivese un comportamento especialmente fino e receptivo coa oposición en xeral e moi especialmente con quen o apoiamos na investidura, renunciando naquela altura a calquera intento por maximizar as nosas posibilidades de obter cotas moi importantes de poder.

Unha cousa é ser construtivo e outra colarlle ao goberno os dous supositorios que nos quixeron meter no pleno de decembro, un aumento de gasto en limpeza de 112.000 a 227.000 ou unha ordenanza acústica, incomprensible e que contempla no seu réxime sancionador, multas de até 300.000 €. Obviamente somos ferreños defensores do dereito ao descanso dentro da propiedade de cada un e entendemos que o concello ten que licitar o servizo de limpeza, pero se van pola vía unilateral e en contra do noso criterio e queren duplicar gasto ou derivar cara unha hiperregulación totalitaria obviamente non van contar co apoio de C21. É penosa a falta absoluta de talante negociador do goberno local, compre advertirlles que non pretendemos ser os parvos uteis de ninguén. A nota de prensa emitida polo concello despois do pleno non demostra ánimo rectificatorio algún. 

Encontrámonos ademáis cun goberno que non está á altura nen no fondo nen nas formas, é verdade que o goberno non é un todo, hai atitudes mais receptivas, pero desde o partido que lidera o goberno e ocupa praticamente todo o núcleo de poder municipal (alcaldía, urbanismo, facenda, persoal, tráfico, obras, etc), é dicir, o PSOE e desde o da agrupación máis pequena do goberno, Son de Tui, só nos temos encontrado con prepotencia e ataques, incrible pero certo, atacar a unha formación, como C21, que os apoiou na investidura e que está a facer un labor no concello construtivo e responsable, pero tampouco somos masoquistas. 

No que se refire ás formas estamos ante un paso atrás con respecto ao anterior alcalde, que mantivo sempre as formas ante unha oposición moito máis dura que a actual e que foi moi flexible nas intervencións do público nos rogos e preguntas, tendo en conta que contaba con maioria absoluta e podería terse permitido maiores restriccións neste sentido. O Enrique Cabaleiro pausado da oposición virou nun alcalde con frecuentes tics autoritarios e que non dubidou en realizar ataques persoais, ao noso voceiro chegoulle a dicir que era éticamente o pior dos 17 membros da corporación, en varias ocasións cortou ás persoas do público de forma claramente prematura e incluso nalgunha cuestión non lles respostou á pregunta ou rogo formulado. O señor Capón intervén en case todos os puntos o que deixa nunha situación de indefensión aos voceiros da oposición que xa esgotaron as suas quendas, de agora en diante vamos ter que exixir outra quenda para respostar ao señor Capón.

O concelleiro de Son de Tui chegou a chamar xenófobo ao noso voceiro por levar unha proposta precisamente para que as fronteiras europeas seguisen abertas. Toda a responsabilidade demostrada por C21 foi pagada con ataques mesmo de índole persoal totalmente inxustificados, se este é o comportamento dun goberno en minoría e fraco pola sua propia configuración multipartita como sería un goberno de un ou de dous partidos integrado por exemplo polo PSOE e polas Mareas de Podemos que contase con maioría absoluta?. 

Desde o inicio do mandato transmitimos ao alcalde que como partido liberal tiñamos moitas dificultades para nos integrar nun goberno de esquerdas pero que estábamos dispostos a ser o socio externo que o goberno precisaba para sacar os asuntos importantes adiante, entre eles, os orzamentos, tentamos negociar con eles os orzamentos do 2016, só lles pedíamos para votar favorablemente a implementación dun punto do noso programa eleitoral, a supresión do imposto da plusvalía que representaba unha restricción orzamentaria de menos dun 1%, non aceptaron.

Mesmo nun momento determinado, a principios de 2016 chegamos a ofrecernos a integrarnos no goberno, pero claro, non nun papel de comparsas, senón cun reparto de poder correspondente a termos sido a terceira forza máis votada, lembremos que o PSOE ten a alcaldia grazas ao noso voto e foi a segunda forza nas eleccións, e a non ter nengún interese en inmolarnos no altar do poder socialista, un papel que nos permitise influir de veras, pedimos ocupar a alcaldía o último ano e medio de mandato, escaso premio para quen poderia ter tentado ocupala os catro anos,  foi un erro ofrecerse, o segundo e derradeiro erro de inxenuidade, pensando que o PSOE estaría disposto a actuar coa mesma boa fé que nos actuamos. 

O dos orzamentos é o caso máis claro, pero a consigna foi sempre a mesma, a C21 nen auga, e nos temos o dereito a nos preguntar, nen auga ao grupo que renunciando a outras saidas te apoia na investidura sen condicións?, o desagradecemento e a falta de visión política teñen en Tui o nome de PSOE e de Son de Tui.  Sairon adiante propostas nosas co apoio do resto da oposición, pero o alcalde non as implementou coa excusa de que non eran competencia plenaria, eran propostas que custaba moi pouco implementar, a colocación dun cronómetro que marcase o tempo desde que o concello quedou sen débeda e as consultas populares con carácter potestativo e non vinculante a través da web. Onde quedou o famoso talante zapateril? No que levamos de mandato non houbo nen un só xesto político en positivo. 

En relación ao balance de xestión o listón deixado neste terreno estaba baixo, e probablemente en liñas xerais estemos ante un goberno que mellorou lixeiramente na xestión global, ainda que non en áreas como facenda e deportes, o urbanismo segue dando problemas, pero funciona lixeiramente mellor que no anterior mandato, parece que vai adiante a abertura da rua Ourense co apoio responsable da oposición, algo longo tempo agardado, facenda segue nunha liña continuista, con reparos case idénticos do interventor aos que facía no anterior mandato, enxérgase a orientación socialista, cando poidan encontrarémonos cun forte aumento de gasto público, de persoal no concello, de subvencións clientelares e por suposto un forte aumento de impostos para financiar o anterior, C21 evitou, en colaboración co resto da oposición, a suba do IBI.

Deportes funciona francamente mal, o concelleiro do ramo está actuando con nepotismo, improvisación, malgasto, desorganización, razoable a xestión en Cultura ainda que vemos unha forte propensión ao gasto, parecenos excesivo os máis de 80.000 euros gastados en San Telmo, co PP gastábase menos de 20.000. Tráfico toma unhas decisións incomprensibles ás que non se lles ve beneficio algún, como o acontecido en Riomuiños, e despois mostra unha teimosía moi difícil de explicar. O novo capataz de obras, colocado polo alcalde por libre designación, desautoriza ao concelleiro de Medio Rural. Os concelleiros do BNG son dialogantes e actúan de boa fé ainda que non sempre atinan e van lentos na implementación de reformas, un acerto deles a nova sinalización do casco histórico, os feitos da xestión ainda se fan agardar, están maniatados e maltratados por quen controla o goberno, e parece que se someten sen chistar, a sempiterna fidelidade canina do BNG ao PSOE. 

O goberno parece estar moi fracturado en dous bandos, cando ainda non chegamos nen á metade do mandato, e iso comeza a reflectirse na parálise dalgúns asuntos de gran importancia, a maior parte dos plenos están vacios de contido e non acaba de tramitarse o gran asunto do mandato e probablemente da década, os proxectos a financiar co remanente de tesouraría. Francamente o desempeño deste goberno é claramente mellorable e cando acaba o ano non hai perspectiva algunha de que vaiamos a ter orzamento para o 2017. O alcalde non está demostrando posuir o empuxe nen a lideranza que Tui precisa para sair do seu declive. 

Así as cousas é obvio que C21 non ten ningún motivo, nen polo ben de Tui nen coa implementación do noso programa en mente para estar satisfeitos co sentido do noso voto na investidura nen co panorama actual. Levámolo dicindo desde as eleccións, C21 estaria disposta a falar de alternativas cun centro-dereita no que as persoas que ocuparon postos de responsabilidade nos gobernos entre 1991 e 2015 deixaran paso no concello a outras dos seus mesmos partidos.