quarta-feira, 3 de fevereiro de 2016

O luns de entroido, novo festivo

No pleno de setembro pasado foi aprobada unha proposta de C21 que pretendía que o festivo local do martes de entroido pasase ao luns, para a sua aprovación ademáis dos votos dos dous concelleiros de C21 foi necesario o apoio doutros sete concelleiros de PP, CST e APT, é dicir toda a oposición municipal apoiou o noso voto particular, mentres que os oito concelleiros do goberno municipal votaron en contra.

Cando xa nos achegamos ao entroido coidamos que volta a ser necesario explicar as razóns que nos levaron a propor o cambio do día festivo do martes ao luns. O primeiro motivo é favorecer o aumento da produtividade, os luns e os venres son os días de menos produtividade, calquera festivo en medio da semana (un martes, mercores ou xoves), xera dentro da mesma semana, a efeitos de produtividade, dous "luns" e dous "venres", as organización empresariais propuxeron xa pasar os festivos aos luns para promover desta maneira a produtividade nas empresas e a competitividade da economía.

O propio presidente do goberno, Mariano Rajoy, dixo na sua investidura a finais do 2011 que sería conveniente trasladar os festivos aos luns, asunto que como moitos outros o PP foi incapaz de implementar.  

Un segundo argumento é a mellora do descanso, pór o festivo no luns contribue a mellorar o descanso ao unificar o festivo coa fin de semana e dando máis flexibilidade a quen queira viaxar. 

Entre os argumentos en contra da proposta de C21 hai dous que se teñen repetido con máis frecuencia, o primeiro é o da tradición, defender sen máis unha tradición, sen dar nengún argumento máis a favor demostra unha mentalidade inmobilista, tendo ademáis en conta que o martes de entroido foi instaurado como festivo hai uns vinte anos, sendo o señor Capón alcalde, non é precisamente unha tradición milenaria. Ademáis, decataronse de que San Telmo, o outro festivo local, non é na data da onomástica de San Telmo, senón sempre un luns? 

A segunda obxección é que o desfile tamén se facía en martes porque era máis facil organizalo, pois ben, organizar o desfile en luns é máis favorable ao non coincidir con desfiles en localidades próximas o que facilita a atracción de comparsas e de público, esta obxección tampouco é de moito peso. 



C21 predica co exemplo e usa a sua capacidade política para tomar medidas que melloran a vida dos cidadáns, non é serio seguir lamentándose da crise e dos problemas que atravesa moita xente se despois non facemos todo o que podemos por combatela, mesmo pequenas cousas, que van na boa dirección, como que os dous festivos locais se celebren en luns. Un pequeno paso para facer de Tui unha localidade máis amigable cos negocios (business friendly).


Aqui vos deixamos o audio dunha entrevista a Carlos Vázquez Padín na Radio Tui na que se fala do asunto do festivo de entroido a partir do minuto 15.

Nenhum comentário:

Postar um comentário