quinta-feira, 25 de fevereiro de 2016

Moción de urxencia sobre petición de supresión das deputacións provinciais.

Pleno 25/02/2016

Dado que:

-As deputacións provinciais son nichos de ineficiencia e corrupción e que gastan máis dun 42% dos seu orzamento en sí mesmas.
-Que no caso galego a provincia é un demarcación artificial.
-Que as deputacións provinciais se acabaron constituindo como axencia de colocación nepotista dos partidos que as gobernan.
-Que se constata de forma repetida que o reparto dos seus fondos se fai con criterios partidistas.
-Que España e Galicia precisan dunha racionalización administrativa que elimine ineficiencias e custos aos contribuintes.
-Que non ten sentido algún manter a superposición das estruturas provinciais, propias dun Estado centralizado, coas estruturas autonómicas, propias dun Estado descentralizado.
-Que uns concellos aos que se transfira directamente unha parte do que hoxe se malgasta nas deputacións serian autosuficientes.
-Que este debate está de máxima actualidade e convén portanto pronunciarse como parte interesada neste momento.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o pleno do concello de Tui se manifeste a favor da supresión das
deputacións provinciais.

Grupo municipal de C21


Fonte: "el español"

Moción de urxencia sobre instalación dun cronómetro anti-débeda.

Pleno 25/02/2016

Dado que:

-Neste momento Tui é un dos poucos concellos de Galicia e España que está nunha situación de débeda cero.
-Que isto hai que vélo como unha situación positiva a valorar e consolidar.
-Que Tui ten a oportunidade de ser pioneira neste asunto o que sería un primeiro paso para reucuperar a relavancia que nos corresponde por historia.
-Que hai concellos en Europa, cónstanos o caso de Dusseldorf que teñen instalado un reloxo ou  ronómetro que mide o tempo que pasou desde o momento en que o concello se desendebedou por completo.
-Que é moi positivo e necesario dificultar futuras operacións de malgasto e endebedamento desde o punto de vista simbólico.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o concello proceda a instalar un cronómetro que mida minutos, horas, dias e anos desde o momento en que o concello de Tui ficou sen débeda algunha cos seus acredores.


Grupo municipal de C21


Xanela no concello de Dússeldorf co cronómetro anti-débeda

Moción de urxencia sobre realización de consulta sobre mantimento ou supresión da raiña das festas de San Telmo.

Pleno 25/02/2016


Dado que:

-Sen entrar no fondo, que non é o obxecto desta moción, é evidente que a idea lanzada polo goberno de suprimir a figura da raiña das festas está xerando polémica e división.

-Sería bo deseñar un procedemento vía internet para consultas populares sobre os asuntos que o pleno e o goberno considerase oportuno preguntar aos cidadáns de forma consultiva, non vinculante, dado que o proceso de voto en internet ten limitacións de representatividade, xa que os novos teñen máis aceso que os maiores, xerando un determinado nesgo.
-É sempre positivo camiñar cara mecanismos de democracia directa, polo menos nalgúns asuntos.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o concello proceda a consultar através da sua web cal é a preferencia da cidadanía en relación á conservación ou non da figura da raiña e as damas das festas.


Grupo municipal de C21



quarta-feira, 3 de fevereiro de 2016

O luns de entroido, novo festivo

No pleno de setembro pasado foi aprobada unha proposta de C21 que pretendía que o festivo local do martes de entroido pasase ao luns, para a sua aprovación ademáis dos votos dos dous concelleiros de C21 foi necesario o apoio doutros sete concelleiros de PP, CST e APT, é dicir toda a oposición municipal apoiou o noso voto particular, mentres que os oito concelleiros do goberno municipal votaron en contra.

Cando xa nos achegamos ao entroido coidamos que volta a ser necesario explicar as razóns que nos levaron a propor o cambio do día festivo do martes ao luns. O primeiro motivo é favorecer o aumento da produtividade, os luns e os venres son os días de menos produtividade, calquera festivo en medio da semana (un martes, mercores ou xoves), xera dentro da mesma semana, a efeitos de produtividade, dous "luns" e dous "venres", as organización empresariais propuxeron xa pasar os festivos aos luns para promover desta maneira a produtividade nas empresas e a competitividade da economía.

O propio presidente do goberno, Mariano Rajoy, dixo na sua investidura a finais do 2011 que sería conveniente trasladar os festivos aos luns, asunto que como moitos outros o PP foi incapaz de implementar.  

Un segundo argumento é a mellora do descanso, pór o festivo no luns contribue a mellorar o descanso ao unificar o festivo coa fin de semana e dando máis flexibilidade a quen queira viaxar. 

Entre os argumentos en contra da proposta de C21 hai dous que se teñen repetido con máis frecuencia, o primeiro é o da tradición, defender sen máis unha tradición, sen dar nengún argumento máis a favor demostra unha mentalidade inmobilista, tendo ademáis en conta que o martes de entroido foi instaurado como festivo hai uns vinte anos, sendo o señor Capón alcalde, non é precisamente unha tradición milenaria. Ademáis, decataronse de que San Telmo, o outro festivo local, non é na data da onomástica de San Telmo, senón sempre un luns? 

A segunda obxección é que o desfile tamén se facía en martes porque era máis facil organizalo, pois ben, organizar o desfile en luns é máis favorable ao non coincidir con desfiles en localidades próximas o que facilita a atracción de comparsas e de público, esta obxección tampouco é de moito peso. 



C21 predica co exemplo e usa a sua capacidade política para tomar medidas que melloran a vida dos cidadáns, non é serio seguir lamentándose da crise e dos problemas que atravesa moita xente se despois non facemos todo o que podemos por combatela, mesmo pequenas cousas, que van na boa dirección, como que os dous festivos locais se celebren en luns. Un pequeno paso para facer de Tui unha localidade máis amigable cos negocios (business friendly).


Aqui vos deixamos o audio dunha entrevista a Carlos Vázquez Padín na Radio Tui na que se fala do asunto do festivo de entroido a partir do minuto 15.