sexta-feira, 30 de dezembro de 2016

Profunda decepción

Cando o ano 2016 toca ao seu fin e tras ano e medio de exercicio do poder polo novo goberno municipal xa podemos facer valoracións sen temor a estar xulgando sen información, ainda que sempre dentro da subxectividade humana, salvo Yolanda Rodríguez, ninguén está na posesión da verdade absoluta. A decepción que sentimos en C21 a respeito do novo goberno, o mesmo cuxo alcalde nós apoiamos incondicionalmente na investidura é profunda e fácilmente argumentable. 

Pero queremos comezar deixando claro e afirmando algo que todo o mundo puido comprobar nos plenos do que levamos de mandato, a oposición en xeral, e C21 en particular, foi tremendamente moderada, construtiva e responsable, como o alcalde recoñece en privado, se a este factor lle sumamos que o goberno está en minoría, ao contar con 8 concelleiros, frente a 9 da oposición, as condicións estaban servidas para que o goberno estivese especialmente agradecido e tivese un comportamento especialmente fino e receptivo coa oposición en xeral e moi especialmente con quen o apoiamos na investidura, renunciando naquela altura a calquera intento por maximizar as nosas posibilidades de obter cotas moi importantes de poder.

Unha cousa é ser construtivo e outra colarlle ao goberno os dous supositorios que nos quixeron meter no pleno de decembro, un aumento de gasto en limpeza de 112.000 a 227.000 ou unha ordenanza acústica, incomprensible e que contempla no seu réxime sancionador, multas de até 300.000 €. Obviamente somos ferreños defensores do dereito ao descanso dentro da propiedade de cada un e entendemos que o concello ten que licitar o servizo de limpeza, pero se van pola vía unilateral e en contra do noso criterio e queren duplicar gasto ou derivar cara unha hiperregulación totalitaria obviamente non van contar co apoio de C21. É penosa a falta absoluta de talante negociador do goberno local, compre advertirlles que non pretendemos ser os parvos uteis de ninguén. A nota de prensa emitida polo concello despois do pleno non demostra ánimo rectificatorio algún. 

Encontrámonos ademáis cun goberno que non está á altura nen no fondo nen nas formas, é verdade que o goberno non é un todo, hai atitudes mais receptivas, pero desde o partido que lidera o goberno e ocupa praticamente todo o núcleo de poder municipal (alcaldía, urbanismo, facenda, persoal, tráfico, obras, etc), é dicir, o PSOE e desde o da agrupación máis pequena do goberno, Son de Tui, só nos temos encontrado con prepotencia e ataques, incrible pero certo, atacar a unha formación, como C21, que os apoiou na investidura e que está a facer un labor no concello construtivo e responsable, pero tampouco somos masoquistas. 

No que se refire ás formas estamos ante un paso atrás con respecto ao anterior alcalde, que mantivo sempre as formas ante unha oposición moito máis dura que a actual e que foi moi flexible nas intervencións do público nos rogos e preguntas, tendo en conta que contaba con maioria absoluta e podería terse permitido maiores restriccións neste sentido. O Enrique Cabaleiro pausado da oposición virou nun alcalde con frecuentes tics autoritarios e que non dubidou en realizar ataques persoais, ao noso voceiro chegoulle a dicir que era éticamente o pior dos 17 membros da corporación, en varias ocasións cortou ás persoas do público de forma claramente prematura e incluso nalgunha cuestión non lles respostou á pregunta ou rogo formulado. O señor Capón intervén en case todos os puntos o que deixa nunha situación de indefensión aos voceiros da oposición que xa esgotaron as suas quendas, de agora en diante vamos ter que exixir outra quenda para respostar ao señor Capón.

O concelleiro de Son de Tui chegou a chamar xenófobo ao noso voceiro por levar unha proposta precisamente para que as fronteiras europeas seguisen abertas. Toda a responsabilidade demostrada por C21 foi pagada con ataques mesmo de índole persoal totalmente inxustificados, se este é o comportamento dun goberno en minoría e fraco pola sua propia configuración multipartita como sería un goberno de un ou de dous partidos integrado por exemplo polo PSOE e polas Mareas de Podemos que contase con maioría absoluta?. 

Desde o inicio do mandato transmitimos ao alcalde que como partido liberal tiñamos moitas dificultades para nos integrar nun goberno de esquerdas pero que estábamos dispostos a ser o socio externo que o goberno precisaba para sacar os asuntos importantes adiante, entre eles, os orzamentos, tentamos negociar con eles os orzamentos do 2016, só lles pedíamos para votar favorablemente a implementación dun punto do noso programa eleitoral, a supresión do imposto da plusvalía que representaba unha restricción orzamentaria de menos dun 1%, non aceptaron.

Mesmo nun momento determinado, a principios de 2016 chegamos a ofrecernos a integrarnos no goberno, pero claro, non nun papel de comparsas, senón cun reparto de poder correspondente a termos sido a terceira forza máis votada, lembremos que o PSOE ten a alcaldia grazas ao noso voto e foi a segunda forza nas eleccións, e a non ter nengún interese en inmolarnos no altar do poder socialista, un papel que nos permitise influir de veras, pedimos ocupar a alcaldía o último ano e medio de mandato, escaso premio para quen poderia ter tentado ocupala os catro anos,  foi un erro ofrecerse, o segundo e derradeiro erro de inxenuidade, pensando que o PSOE estaría disposto a actuar coa mesma boa fé que nos actuamos. 

O dos orzamentos é o caso máis claro, pero a consigna foi sempre a mesma, a C21 nen auga, e nos temos o dereito a nos preguntar, nen auga ao grupo que renunciando a outras saidas te apoia na investidura sen condicións?, o desagradecemento e a falta de visión política teñen en Tui o nome de PSOE e de Son de Tui.  Sairon adiante propostas nosas co apoio do resto da oposición, pero o alcalde non as implementou coa excusa de que non eran competencia plenaria, eran propostas que custaba moi pouco implementar, a colocación dun cronómetro que marcase o tempo desde que o concello quedou sen débeda e as consultas populares con carácter potestativo e non vinculante a través da web. Onde quedou o famoso talante zapateril? No que levamos de mandato non houbo nen un só xesto político en positivo. 

En relación ao balance de xestión o listón deixado neste terreno estaba baixo, e probablemente en liñas xerais estemos ante un goberno que mellorou lixeiramente na xestión global, ainda que non en áreas como facenda e deportes, o urbanismo segue dando problemas, pero funciona lixeiramente mellor que no anterior mandato, parece que vai adiante a abertura da rua Ourense co apoio responsable da oposición, algo longo tempo agardado, facenda segue nunha liña continuista, con reparos case idénticos do interventor aos que facía no anterior mandato, enxérgase a orientación socialista, cando poidan encontrarémonos cun forte aumento de gasto público, de persoal no concello, de subvencións clientelares e por suposto un forte aumento de impostos para financiar o anterior, C21 evitou, en colaboración co resto da oposición, a suba do IBI.

Deportes funciona francamente mal, o concelleiro do ramo está actuando con nepotismo, improvisación, malgasto, desorganización, razoable a xestión en Cultura ainda que vemos unha forte propensión ao gasto, parecenos excesivo os máis de 80.000 euros gastados en San Telmo, co PP gastábase menos de 20.000. Tráfico toma unhas decisións incomprensibles ás que non se lles ve beneficio algún, como o acontecido en Riomuiños, e despois mostra unha teimosía moi difícil de explicar. O novo capataz de obras, colocado polo alcalde por libre designación, desautoriza ao concelleiro de Medio Rural. Os concelleiros do BNG son dialogantes e actúan de boa fé ainda que non sempre atinan e van lentos na implementación de reformas, un acerto deles a nova sinalización do casco histórico, os feitos da xestión ainda se fan agardar, están maniatados e maltratados por quen controla o goberno, e parece que se someten sen chistar, a sempiterna fidelidade canina do BNG ao PSOE. 

O goberno parece estar moi fracturado en dous bandos, cando ainda non chegamos nen á metade do mandato, e iso comeza a reflectirse na parálise dalgúns asuntos de gran importancia, a maior parte dos plenos están vacios de contido e non acaba de tramitarse o gran asunto do mandato e probablemente da década, os proxectos a financiar co remanente de tesouraría. Francamente o desempeño deste goberno é claramente mellorable e cando acaba o ano non hai perspectiva algunha de que vaiamos a ter orzamento para o 2017. O alcalde non está demostrando posuir o empuxe nen a lideranza que Tui precisa para sair do seu declive. 

Así as cousas é obvio que C21 non ten ningún motivo, nen polo ben de Tui nen coa implementación do noso programa en mente para estar satisfeitos co sentido do noso voto na investidura nen co panorama actual. Levámolo dicindo desde as eleccións, C21 estaria disposta a falar de alternativas cun centro-dereita no que as persoas que ocuparon postos de responsabilidade nos gobernos entre 1991 e 2015 deixaran paso no concello a outras dos seus mesmos partidos. 

sexta-feira, 30 de setembro de 2016

O transporte na Área Metropolitana

Despois da retirada da orde do día no pleno de xullo da proposta do goberno local da integración de Tui no ente administrativo político denominado Área Metropolitana de Vigo, coido que é importante non confundilo coa realidade económica e demográfica do mesmo nome, Enrique Cabaleiro comprometérase a traer de novo en setembro a pleno  a proposta, cando constatamos, ao receber a convocatoria de pleno, que non cumprira a sua promesa, a Executiva Local de C21 decidiu presentar unha moción de urxencia para lograr que un tema de importancia capital para Tui fose debatido con luz e taquígrafos ante a reticencia do alcalde a traelo a debate e votación. 

Neste momento no que todos os concellos da comarca están debatindo e pronunciandose sobre o tema considerábamos importante que o pleno se pronunciase sobre este asunto, é relevante informar que antes do pleno de xullo, convocamos aos tres partidos da oposición; PP, CT e APT para convencelos da insensatez que suporía entrar na AM e naquel momento conseguímolo, de feito o alcalde tomou en xullo a decisión de retirar o punto da orde do día porque en xunta de porta-voces. antes do pleno decatouse de que perdería a votación. 

No pleno de onte, a moción de rexeitamento á entrada na AM recibiu o apoio de C21 e APT, mentres que PP e CT mudaron de opinión e abstiveronse e votaron en contra os catro partidos que integran o goberno. Non podemos evitar lamentarnos de que o BNG, que sempre mantivo a retórica de que había que pechar as deputacións, agora aplauda impertérrito á creación doutra deputación. 

Esta mañá chegaronnos queixas de usuarios do transporte que nos critican con dureza por non querer entrar na AM, co abaratamento do transporte que a eles lles reportaría. O primeiro que compre aclararlles é que C21 ten dous concelleiros e na corporación somos 17, é dicir, C21 ten unha capacidade  de influencia moi limitada sobre as decisións do pleno. 

Con respeito á cuestión do transporte vamos plasmar nunha serie de puntos porqué non consideramos beneficioso o subsidiamento do transporte para ir a Vigo:

  1. É un abaratamento artificial, a empresa deixaría de ingresar de forma directa unha cantidade que lle sería ingresada vía subsidios financiados con impostos, é dicir o custo segue sendo o mesmo só que os usuarios deixarían de pagar unha parte que pasarían a pagar os contribuintes, é dicir, os usuarios aforrarían e os contribuintes, incluindo os que son pobres e non collen nunca o autobús pagarían o transporte dos que si apañan o autobus. 
  2. Pretender que os contribuintes paguen o transporte dos usuarios é sinxelamente inxusto, claro, é fantástico para o que paga menos pero é inxusto, é unha transferencia de custos aos demais, aos que non collen o autobús, incluindo por exemplo a unha familia humilde de Caldelas, Pexegueiro ou Ribadelouro que paga impostos e taxas e ao que ese autobús non lle presta nengún servizo.
  3. Claro que entre as persoas que necesitan o autobús para ir a Vigo hai xente moi apretada económicamente á que un abaratamento do autobús lle suporía un alivio importante, pero iso non xustifica que para aliviar a uns apretemos a outros igualmente necesitados. 
  4. Temos que ter clara a relación de gasto público con ingreso público, é dicir con impostos, se todos pedimos máis e máis gasto público podemos estar seguros de que o vamos pagar por outro lado. Non é compatible un programa eleitoral que prometa máis gasto e menos impostos, nas municipais habia varios, o de C21 promete menos impostos e menos gastos. 
  5. Non vaia ser o demo que os que agora montan en colera porque C21 non está de acordo en que os contribuintes paguen o autobus aos usuarios se queixen no futuro pola suba de taxas e impostos que eles coadxuvaron coa sua petición de transporte subsidiado. 
  6. Neste pais o sistema político contribuiu a crear e consolidar unha idea falsa, a de que hai cousas que son gratis, que non teñen custo, oimos con frecuencia, sanidade gratuita, educación gratuita, etc, etc. Pois ben, é mentira, repetimos, é mentira, a sanidade non é gratis, a educación tampouco, nada é gratis, hai que facer as escolas, os hospitais, pagarlle ao persoal, os medicamentos, o material, etc, repetimos, non é gratis. Outra cousa é como se paga e se a calidade do servizo corresponde ao que pagamos, pero non é gratis, por moito que coincidan PP, PSOE, BNG e Podemos neste punto. 
  7. O sistema segue instalado na ocultación dos custos de todo, non estamos sentando os pilares dunha sociedade máis responsable, todo o contrario, estamos incentivando as decisións irresponsables, en C21 estamos de acordo en garantir un aceso universal, a determinados servizos, pero non se debe facer ocultando os custos e impedindo a escolla, como na actualidade. Fixadevos se hai ocultismo que ninguén fala de que a caixa das pensións quebrará nun ano e medio.
  8. Os políticos intervencionistas ocultan os custos porque da votos, sempre hai grupos agradecidos de que o político lles page con diñeiro dos demais determinados custos que así se aforran, non se dan conta que unha sociedade que funciona así non vai polo bo camiño. 
  9. C21 prefire dicir a verdade ainda que ás veces supoña perda de votos, somos diferentes, a verdade na política non abunda, C21 vai coa verdade por diante, mesmo verdades incómodas e que nos fan crear inimigos en grupos que lles deben favores á política ou que ainda non llos deben pero queren recibilos. Non nos engañemos, a clase política é un reflexo da sociedade, neste pais hai demasiada xente pendente de que os demais lle paguen o que el considera moi necesario pero non quere pagar, pero todo se paga, e todos somos contribuintes e todos acabamos pagando as prebendas que os políticos intervencionistas reparten para gañar votos. 
  10. Tamén hai consideracións doutro tipo, un abaratamento artificial do transporte crea un efecto succión cara Vigo, crea un incentivo para coller o autobús con máis frecuencia e ir a Vigo con mais frecuencia; evidente, e non nos interesa drenar actividade cara Vigo.
  11. Para estar no servizo de transporte da AM, de entrada hai que financiar o custo da estrutura central da AM, é dicir, a repercusión en impostos é moito maior que o retorno en subsidios para o transporte, de entrada unha suba forte do IBI e despois o demais tendendo á igualación fiscal con Vigo, que ten unha presión fiscal moito maior que Tui. Sí somos culpables, queremos seguir pagando menos impostos que en Vigo e se poden ser menos dos que pagamos agora ainda mellor. 
  12. A entrada na AM supón unha perda brutal de autonomia local e unha subordinación total a Vigo en decisións que son estratéxicas para Tui, a Lei da AM está en internet, animamosvos a lela.
  13. Dicir a verdade se cadra non da votos, pero os que coas suas reaccións virulentas ante a verdade incentivan a mentira que non se queixen despois de que os políticos son tal e cual.  


Son do governo, estou aqui para te axudar, di o político, mentres rouba a
carteira do contribuinte e lle da unhas moedas 



  


quinta-feira, 25 de fevereiro de 2016

Moción de urxencia sobre petición de supresión das deputacións provinciais.

Pleno 25/02/2016

Dado que:

-As deputacións provinciais son nichos de ineficiencia e corrupción e que gastan máis dun 42% dos seu orzamento en sí mesmas.
-Que no caso galego a provincia é un demarcación artificial.
-Que as deputacións provinciais se acabaron constituindo como axencia de colocación nepotista dos partidos que as gobernan.
-Que se constata de forma repetida que o reparto dos seus fondos se fai con criterios partidistas.
-Que España e Galicia precisan dunha racionalización administrativa que elimine ineficiencias e custos aos contribuintes.
-Que non ten sentido algún manter a superposición das estruturas provinciais, propias dun Estado centralizado, coas estruturas autonómicas, propias dun Estado descentralizado.
-Que uns concellos aos que se transfira directamente unha parte do que hoxe se malgasta nas deputacións serian autosuficientes.
-Que este debate está de máxima actualidade e convén portanto pronunciarse como parte interesada neste momento.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o pleno do concello de Tui se manifeste a favor da supresión das
deputacións provinciais.

Grupo municipal de C21


Fonte: "el español"

Moción de urxencia sobre instalación dun cronómetro anti-débeda.

Pleno 25/02/2016

Dado que:

-Neste momento Tui é un dos poucos concellos de Galicia e España que está nunha situación de débeda cero.
-Que isto hai que vélo como unha situación positiva a valorar e consolidar.
-Que Tui ten a oportunidade de ser pioneira neste asunto o que sería un primeiro paso para reucuperar a relavancia que nos corresponde por historia.
-Que hai concellos en Europa, cónstanos o caso de Dusseldorf que teñen instalado un reloxo ou  ronómetro que mide o tempo que pasou desde o momento en que o concello se desendebedou por completo.
-Que é moi positivo e necesario dificultar futuras operacións de malgasto e endebedamento desde o punto de vista simbólico.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o concello proceda a instalar un cronómetro que mida minutos, horas, dias e anos desde o momento en que o concello de Tui ficou sen débeda algunha cos seus acredores.


Grupo municipal de C21


Xanela no concello de Dússeldorf co cronómetro anti-débeda

Moción de urxencia sobre realización de consulta sobre mantimento ou supresión da raiña das festas de San Telmo.

Pleno 25/02/2016


Dado que:

-Sen entrar no fondo, que non é o obxecto desta moción, é evidente que a idea lanzada polo goberno de suprimir a figura da raiña das festas está xerando polémica e división.

-Sería bo deseñar un procedemento vía internet para consultas populares sobre os asuntos que o pleno e o goberno considerase oportuno preguntar aos cidadáns de forma consultiva, non vinculante, dado que o proceso de voto en internet ten limitacións de representatividade, xa que os novos teñen máis aceso que os maiores, xerando un determinado nesgo.
-É sempre positivo camiñar cara mecanismos de democracia directa, polo menos nalgúns asuntos.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o concello proceda a consultar através da sua web cal é a preferencia da cidadanía en relación á conservación ou non da figura da raiña e as damas das festas.


Grupo municipal de C21



quarta-feira, 3 de fevereiro de 2016

O luns de entroido, novo festivo

No pleno de setembro pasado foi aprobada unha proposta de C21 que pretendía que o festivo local do martes de entroido pasase ao luns, para a sua aprovación ademáis dos votos dos dous concelleiros de C21 foi necesario o apoio doutros sete concelleiros de PP, CST e APT, é dicir toda a oposición municipal apoiou o noso voto particular, mentres que os oito concelleiros do goberno municipal votaron en contra.

Cando xa nos achegamos ao entroido coidamos que volta a ser necesario explicar as razóns que nos levaron a propor o cambio do día festivo do martes ao luns. O primeiro motivo é favorecer o aumento da produtividade, os luns e os venres son os días de menos produtividade, calquera festivo en medio da semana (un martes, mercores ou xoves), xera dentro da mesma semana, a efeitos de produtividade, dous "luns" e dous "venres", as organización empresariais propuxeron xa pasar os festivos aos luns para promover desta maneira a produtividade nas empresas e a competitividade da economía.

O propio presidente do goberno, Mariano Rajoy, dixo na sua investidura a finais do 2011 que sería conveniente trasladar os festivos aos luns, asunto que como moitos outros o PP foi incapaz de implementar.  

Un segundo argumento é a mellora do descanso, pór o festivo no luns contribue a mellorar o descanso ao unificar o festivo coa fin de semana e dando máis flexibilidade a quen queira viaxar. 

Entre os argumentos en contra da proposta de C21 hai dous que se teñen repetido con máis frecuencia, o primeiro é o da tradición, defender sen máis unha tradición, sen dar nengún argumento máis a favor demostra unha mentalidade inmobilista, tendo ademáis en conta que o martes de entroido foi instaurado como festivo hai uns vinte anos, sendo o señor Capón alcalde, non é precisamente unha tradición milenaria. Ademáis, decataronse de que San Telmo, o outro festivo local, non é na data da onomástica de San Telmo, senón sempre un luns? 

A segunda obxección é que o desfile tamén se facía en martes porque era máis facil organizalo, pois ben, organizar o desfile en luns é máis favorable ao non coincidir con desfiles en localidades próximas o que facilita a atracción de comparsas e de público, esta obxección tampouco é de moito peso. 



C21 predica co exemplo e usa a sua capacidade política para tomar medidas que melloran a vida dos cidadáns, non é serio seguir lamentándose da crise e dos problemas que atravesa moita xente se despois non facemos todo o que podemos por combatela, mesmo pequenas cousas, que van na boa dirección, como que os dous festivos locais se celebren en luns. Un pequeno paso para facer de Tui unha localidade máis amigable cos negocios (business friendly).


Aqui vos deixamos o audio dunha entrevista a Carlos Vázquez Padín na Radio Tui na que se fala do asunto do festivo de entroido a partir do minuto 15.

sábado, 30 de janeiro de 2016

Moción de urxencia: “En defensa do acordo de Schengen”

A seguir o texto da moción que presentamos no pleno do día 28/01/2016 e que quedou enriba da mesa a proposta do PSOE que foi aceptada por C21 para encontrar unha redación que satisfacese a todos:



O Acordo de Schengen é unha convención entre países europeos sobre unha política de abertura das fronteiras e libre circulación de persoas entre os países signatários. Un total de 30 países, incluindo todos os integrantes da Unión Europea (excepto Irlanda e Reino Unido) e tres países que non son membros da UE (Islándia, Noruega e Suíza), asinaron o acordo de Schengen.

Na actualidade este acordo está a ser posto en causa polas diferenzas entre algúns dos distintos paises que o asinaron sobre como lidar coa crise dos refuxiados, non é obxecto desta moción entrar no fondo desta crise e das suas posibles solucións, o que nos debe ocupar e preocupar como administración local dunha cidade fronteiriza é facer o que estea nas nosas máns para defender a libre circulación entre os distintos paises xa que é algo que nos afecta de forma moi directa e significativa.

A quebra de Schengen teria efeitos moi perxudiciais sobre a economía europea en xeral e das poboacións transfronteirizas en particular e causaría inumeros trastornos na vida diaria de moitas persoas que vivimos perto das fronteiras e hai moitos opinadores e lideres políticos, comos os primeiros ministros francés (socialista) e holandés (liberal) que cren que é unha seria ameaza á propia existencia da Unión Europea, mesmo no curto prazo.

É portanto imprescindible que as administracións locais de toda a UE, especialmente aquelas máis próximas das fronteiras traslademos a máxima presión política aos mandatarios da UE para que a preservación de Schengen sexa dunha prioridade máxima, un logro irrenunciable para a liberdade e prosperidade dos nosos pobos.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

-Que o pleno do concello de Tui aprovar esta resolución en defensa do acordo de Schengen e que posteriormente sexa trasladada a todos os municipios fronteirizos de Galicia cun chamado para que se unan a esta iniciativa.
-Pactar no seo da eurocidade que nos vincula con Valença do Minho unha resolución conxunta que por sua vez sexa trasladada á Comisión Europea, aos primeiros ministros español e portugués, ás federacións nacionais de municipios e á confederación europea de municipios.

Carlos Vázquez Padín
Porta-Voz do grupo municipal de C21