quinta-feira, 19 de novembro de 2015

Alegacións do grupo municipal de Converxencia 21 de Tui á Ordenanza reguladora da limpeza viaria e ornato público no concello de Tui

 Alegación 1ª:

Supresión do penúltimo parágrafo do artigo 20: “A actividade de libramento de desperdicios, esterco, xurro ou outros productos que xeren mal olor, co fin de abono da terra necesitará licenza municipal previa”
Exposición de motivos: non podemos condicionar a actividade agrícola tradicional das nosas aldeas ata desincentivala. Non é xusto nen pertinente que os propietarios de terras de labradío teñan agora que pedir licenza municipal para unha actividade que levan toda a vida facendo sen permiso, como é estercar as suas terras.

Alegación 2ª:

Modificación no artigo 21 no referido ás faixas (pancartas) e bandeirolas, así quedaría o artigo conforme á redación proposta por C21:

Artigo 21.—Carteis e anuncios

Os propietarios ou titulares de inmobles coidarán de manter limpas as paredes ou fachadas de calquera tipo de anuncio que non sexa o específico dunha profesión ou actividade mercantil.

A colocación de carteis, rótulos de establecementos ou anuncios realizarase na forma que se estableza na autorización ou licenza municipal que se outorgue ao respecto A colocación de carteis, rótulos de establecementos ou anuncios deberán reunir as seguintes condicións de ornato público:

a) Os materiais empregados deberán ser bronce, latón, cobre, aceiro inoxidable, ferro, ferro pintado, aluminio lacado, madeira, alabastro, granitos, mármores, pedra naturais e artificiais, xeso endurecido, formigón tratado, vidro, cerámica tradicional.
b) As dimensións serán as que, pola súa composición, permitan las proporcións dos espazos nos que se sitúen, sen que poidan superporse a elementos compositivos ou decorativos da fachada.
c) Autorizase o voo dos rótulos pegados ó paramento, sempre que non se supere un saliente superior a 0’10 metros respecto do paramento.
Autorizase o voo dos focos para a iluminación dos rótulos, sempre que non se supere un saliente superior a 0’40 metros respecto do paramento e se sitúen a unha altura mínima de 3’50 metros respecto da beirarrúa.
d) Poderán colocarse na planta baixa de edificios, con carácter xeneral; en planta primeira, se se sitúan nos entrepanos dos ocos; e en calquera outra planta, cando a totalidade do edificio teña un único uso.

Prohíbese a súa colocación en e sobre a coroación de edificios e en balcóns, varandas e antepeitos.
(aquí comezan as modificacións)

A colocación de carteis, pancartas, bandeirolas, panfletos, e calquera outra actividade publicitaria das reguladas no presente título, esta suxeita (engádega) á comunicación previa ao concello salvo nos periodos eleitorais nos que o concello se limitará a informar á Xunta Eleitoral de Zona dos espazos que disponibiliza para cartelería e bandeirolas.
A concesión da autorización municipal para os elementos publicitarios aquí definidos, levará implícita a obriga polo solicitante de limpar os espazos da vía pública que se tiveran ensuciado, e de retirar dentro do prazo establecido, todos os elementos publicitarios que se tivesen utilizado e os seus correspondentes accesorios.
(Supresión total do parágrafo que comeza: para a colocación ou distribución……..)
Prohíbese a colocación de carteis, bandeirolas, () rótulos, adhesivos, así como calquera outro elemento publicitario ou de comunicación fóra dos lugares que expresamente sexan autorizados polo Concello, (e en concreto nas fachadas dos edificios públicos ou no mobiliario ou equipamento urbanos p.e. farois, bancos, marquesiñas).
Prohíbese toda clase de formato publicitario, dos reguladas no presente título nos edificios cualificados como histórico ‐ artísticos, ou asimilados.
Exceptuaranse aqueles que fagan referencia ás actividades que teñan lugar no edificio, ou a obras de conservación, reforma ou rehabilitación deles.
(supresión de todo o texto desde “a colocación de pancartas e bandeirolas na vía pública soamente se autorizará” até o parágrafo que termina con “(..)para solicitar a correspondente autorización)

Prohíbese a colocación de pancartas e bandeirolas suxeitas ás árbores en calquera dos seus elementos.
(supresión de todo o texto desde “a solicitude de autorización para a colocación de pancartas(…)” até  “(…)dos danos que puideran causarse como consecuencia da colocación de pancartas e bandeirolas”
As pancartas ou bandeirolas suxeitas aos elementos estruturais da vía pública, deberán situarse a unha altura mínima de colocación, medida no punto máis baixo, será de 5 m.,cando afecte a calzada ou aparcamentos, e de 3 m. en beirarrúas, paseos e outras zonas peonís.
(engádega) As pancartas e bandeirolas deberán ser retiradas pola entidade anunciadora (empresa, comisión de festas, partido político, etc) no  prazo máximo de cinco días desde que finalizase o prazo para o que foron colocadas (periodo eleitoral, data da festa, etc) . De non facelo así, serán retiradas polos servizos municipais, imputándose aos responsables os custos  correspondentes ao servizo prestado, sen prexuízo da imposición das sancións a que houbese lugar.

Exposición de motivos: as pancartas teñen tradicionalmente un uso fundamentalmente enfocado ao ámbito eleitoral, polo que por unha cuestión de garantismo non pode ser o concello, controlado por un determinado partido político, o que autorice ou desautorice o uso dun soporte publicitario de marcado carácter electoral, é evidente que pode haber conflito de intereses.  Sí que ten lóxica porén manter a prohibición da sua fixación nas árbores ou regular a altura indicada para as colocar.
Tampouco estamos de acordo coa autorización previa para calquera actividade publicitaria, o que suporia case a sua prohibición de facto, algo pouco compatible coas liberdades fundamentais, suxerimos en troques, unha simple comunicación previa. A ordenanza debe conseguir unha responsabilización dos axentes que empregan a publicidade pero non un réxime leonino, cuase autoritario de autorizacións previas.


Alegación 3ª: Modificación do punto 7 das infraccións leves previstas no artigo 28.

Quedando así:
7.Colocar carteis fóra de lugares disponibilizados a tal efecto polo concello, ensuxar a vía pública con publicidade e a non retirada de pancartas ou bandeirolas no prazo previsto de 5 días despois da sua caducidade (remate da festa, data das eleccións, etc)
Exposición de motivos: compre modificalo para sermos consistentes coa proposta de modificación do artigo 21.  A pretensión é, outra vez, ter potestade para castigar a quen mancha sen establecer un réxime fortemente limitador da actividade publicitaria.

Alegación 4ª: Modificar o punto 4 do epígrafe “c” onde se establecen as faltas moi graves.
Quedando así:

4. Librar desperdicios, xurro, esterco e productos similares que producen mal olor en fincas urbanas ou camiños.
Exposición de motivos: suprímese a referencia ás fincas rústicas, ao noso xuizo é un grave despropósito tratar de penalizar a un labrego por estercar os seus campos.

Alegación 5ª: Modificar  parte do artigo 29, que quedaría así:
1.—Para as que teñan a consideración de leves, imporase unha multa de 200 euros.
2.—Para as infraccións que teñan a consideración de graves, imporase unha multa de 400 euros.
3.—Para as infraccións que teñan a consideración de moi graves, imporase unha multa de 800 euros.
Na ordenanza inicialmente aprobada hai manga ancha para a discrecionalidade do concello, xa que di “poderá impor unha multa” e tamén hai discrecionalidade na cantidade ao fixar só un importe máximo que nos parece moi elevado. Coa proposta do goberno na man o concello podería actuar con absoluta arbitrariedade  é por iso que propomos unha rebaixa das sancións pero a “obrigatoridade” de impolas.

Grupo municipal de C21 no concello de Tui



En Tui, a 19 de novembro de 2015

Nenhum comentário:

Postar um comentário