segunda-feira, 7 de outubro de 2013

Sobre o Convenio para os traballadores laborais do concello.

INTERVENCIÓN DO NOSO CONCELLEIRO EN RELACIÓN AO CONVENIO ASINADO POLO CONCELLO COS TRABALLADORES LABORAIS

Este convenio é un verdadeiro despropósito, unha especie de carta aos reis magos escrita polos sindicatos sen nengunha oposición por parte do goberno municipal do PP e que para comezar e como sinala o interventor carece dunha valoración económica do custo que tería a concesión dos privilexios que o acordo recolle. Aprobar sen negociación e sen defensa dos intereses dos contribuintes que financian o concello un convenio asi supón unha enorme falta de responsabilidade. Desde logo o concelleiro de persoal debeu ir á mesa de negociación a todo menos a negociar. 

O convenio fala de numerosas posibilidades de reducción da xornada, como a redución dunha hora nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, pero en ningún momento de cal é esa xornada, e de que forma os traballadores deberian recuperar esas horas.

É moi grave que o convenio pretenda establecer unha via que non se axusta a dereito de aceso á función pública do persoal laboral que fique á marxe das ofertas de emprego público, unha especie de estrada privada á que o público non pode aceder. Outro privilexio que o convenio pretende establecer. 

Seguimos con privilexios; segundo o convenio o traballador encadrado na segunda actividade conservaría as retribucións como se tal cousa. Que fácil é despilafarrar o diñeiro que confiscan vostedes aos pagadores de impostos cada vez con máis agresividade.

Suma e segue, vostedes pretenden que o resto dos contribuintes, moitos dos cales teñen enormes dificultades para cotizar á seguranza social financien a seguranza social daqueles empregados laborais municipais que chegados aos 65 anos non teñan cotizado o tempo regulamentario. É dicir o que non rixe para o resto dos traballadores vostedes pretenden que rixan para os laborais do concello, estamos perante a clásica inxustiza preconizada polos sindicatos e asumida polo partido popular, naturalmente a custa dos demais.

Ademais este convenio conculca diversas normas ao non contemplar a regra que prohibe o aumento da masa salarial do concello.

Hai cousas até simpáticas, como a posibilidade de ausentarse o dia de Santa Rita, e se coincide con festivo pois trasladar a celebración, é a primeira vez que vexo un cambio de datas de celebración dun patrono, todo sexa feito con tal de folgar un pouco.

A consolidación de emprego temporal e interino e procesos de funcionarización outorgalle unha serie de privilexios e vantaxes ao persoal laboral con respecto a outros pretendentes ás prazas de funcionarios, de feito instaurase o método de concurso-oposición, onde se protexe aos interinos frente á concorrencia pública, isto obviamente é un privilexio.

Non ten nengún sentido que sexa o concello e non o propio traballador através do seu banco, o que transfira as cotas sindicais.

En definitiva o convenio fala moito de dereitos e garantias, palabras que en ocasións camuflan a concesión de privilexios a conta do pagador de impostos pero fálase moi pouquiño dos deberes do persoal.

E olliño coa clausula adicional terceira, na que di que a corporación se compromete  a orzamentar todo o necesario para garantir todos os aspectos económicos do presente convenio colectivo, é dicir,  quen vote hoxe afirmativamente este convenio está comprometendose a incumprir a normativa estatal a respeito do non aumento da masa salarial e da estabilidade orzamentaria.

O voto de C21 será negativo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário