sexta-feira, 31 de maio de 2013

Valoración orzamentos 2013

Desde C21 valoramos negativamente tanto este orzamento como a evolución na política orzamentaria deste goberno municipal desde o 2011, o primeiro que nos chama poderosa e negativamente a atención é o aumento orzamentario con respecto ao primeiro orzamento que vostedes trouxeron a aprobación a primeiros de ano, sei que me van dicir que é polas transferencias, pero claro, o diñeiro das transferencias corresponde a unha previsión de maiores ingresos de facenda e desde logo nun contexto como o actual, onde familias e empresas se están descapitalizando a marchas forzadas que apareza unha administración pública dicindo que recada máis por impostos, pois que queren que lles diga, pois simplemente que son vostedes e o seu partido o que está retrasando a saida da crise por negarse a cortar o gasto público e a baixar impostos.

Ademáis aumenta a previsión de ingreos por impostos directos, (de 2.342.968 a 2.479.102, o que representa unha suba do 5,81%) é dicir o Estado aumenta o esforzo fiscal que lles exixe aos contribuintes tamén, algo realmente bochornoso e que lle da a razón a C21 cando nos referimos ao sector público, especialmente ás decisións que toman os partidos que controlan o Estado, o verdadeiro lastre que nos impide sair da crise, vostedes a nivel municipal reproducen o esquema de comportamento confiscatorio e antiliberal dos seus xefes en Madrid e Santiago de Compostela.

É espectacular a queda dos investimentos reais desde que vostedes gobernan, de 2,275,729 € orzados en 2011, a 1,417,265, no 2012 a tan só 250,067 no 2013. Desde o 2011 os investimentos caen en -2.025.662,05 €, a frioleira dun -89,01%, é impresionante, xa que ata en termos absolutos os investimentos caen máis que o volume orzamentario total, que cae en -1.840.330,24 € e porcentualmente un -17,32%. Resumindo, se obviamos os investimentos o orzamento total do concello teria subido neste periodo trianual.



No anterior gráfico vemos como evoluen entre o 2011 e o 2013 o orzamento total (azul), os impostos directos (vermello), os gastos de persoal (amarelo), as transferencias correntes (morado) e os investimentos reais (verde).

A interpretación política deste feito tan chamativo é moi sinxela, manteñen as suas estruturas clientelares o que explica que sexan incapaces de axustar gasto de persoal e corrente e sacrifican o investimento que é o que podería ter un efecto multiplicador.

Gasto de persoal e corrente soben con respecto aos orzamentos do 2011 e do 2012.

Un elemento positivo deste orzamento é a liquidación do único pasivo financeiro que ficaba coa banca. De feito iso é o que teñen que facer as administracións desendebedarse, sanear o seu balance contribuindo así a sanear o balance da banca e por tanto axudando ao restablecemento do crédito e a que a inciativa cree emprego e riqueza. Tamén os podemos felicitar por inspirarse na proposta de C21 no que se refire a non cobrar 5 cotas nun ano de auga, lixo e sumidoiros. Ainda que teria sido mellor solución comezar a cobrar ao dia renunciando aos dereitos de cobro atrasados, é dicir, unha anmistia fiscal pero non aos defradaudadores, como gosta de facer o Partido Popular, senón a todos os cidadáns por igual.

Compensan a queda de impostos indirectos, aqueles que dependen da atividade económica, nomeadamente o ICIO coa suba dos directos, é dicir, nun momento no que familias e empresas sofren maiores problemas de liquidez vostedes o que fan é financiarse con incrementos da carga fiscal sobre eles. Demostrando unha vez máis que a administración non é axente da recuperación económica senón o principal atranco para a saida da crise.

Volta a subir o gasto en iluminación pública, despois de ter afirmado vostedes en varias ocasións que tomarían medidas encamiñadas a axustar este capítulo de 422.104 a 479.763 Euros, desde logo é moi chamativo este asunto, cando sería relativamente fácil rebaixar a factura da iluminación pública limitando o horario de acendido e posteriormente ir investindo en lámpadas de baixo consumo, desde C21 levamos insistindo neste asunto desde o inicio do mandato, pero non só non nos fan caso senón que ano a ano continuan incrementando o gasto neste capítulo, estamos falando dun capítulo que supón por si só, máis dun 5,46% de todo o orzamento, desde logo ou son vostedes moi incompetentes por non ter detectado unha fonte moi importante de aforro neste asunto, ou hai gato encerrado.

O fomento do emprego pasa de 195.699 € a 393.518 € Saben que lles digo do fomento do emprego, que o sector público só destrue emprego cando trata de fomentalo con politicas de estimulo, a evolución da crise ate hoxe indicao con claridade, e que farían vostedes o correcto se lle aforrasen ese diñeiro aos contribuintes e aproveitasen ese aforro para baixar impostos, asi é como se crearía emprego, só haberia un problema para vostedes, seria máis dificil vender o favor, haberia menos desemprego pero iso non é o que lles importa a vostedes, o que lles importa é crear uns poucos empregos de forma directa vendendo o favor mentras contribuen a destruir moitos máis na economía privada, permitanme que lles diga algo; xeran pobreza e despois alimentase politicamente dela.

Isto e como o alpendre que colocaron na praza da inmaculada para dicir que queren potenciar o comercio, o comercio está asfixiado polas suas subas de impostos que retraen o consumo, o que teñen que facer é baixar os impostos e baixar o gasto púbico e deixar de montar chiringos que paga o contribuinte para que vostedes coloquen a uns cantos paniaguados do PP, se non hai renda disponible non hai consumo, convén que a xente se decate de que eses telderetes sirven para colocar a uns cantos amigos seus a custa dos sectores produtivos deste País.