segunda-feira, 7 de outubro de 2013

Sobre o Convenio para os traballadores laborais do concello.

INTERVENCIÓN DO NOSO CONCELLEIRO EN RELACIÓN AO CONVENIO ASINADO POLO CONCELLO COS TRABALLADORES LABORAIS

Este convenio é un verdadeiro despropósito, unha especie de carta aos reis magos escrita polos sindicatos sen nengunha oposición por parte do goberno municipal do PP e que para comezar e como sinala o interventor carece dunha valoración económica do custo que tería a concesión dos privilexios que o acordo recolle. Aprobar sen negociación e sen defensa dos intereses dos contribuintes que financian o concello un convenio asi supón unha enorme falta de responsabilidade. Desde logo o concelleiro de persoal debeu ir á mesa de negociación a todo menos a negociar. 

O convenio fala de numerosas posibilidades de reducción da xornada, como a redución dunha hora nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, pero en ningún momento de cal é esa xornada, e de que forma os traballadores deberian recuperar esas horas.

É moi grave que o convenio pretenda establecer unha via que non se axusta a dereito de aceso á función pública do persoal laboral que fique á marxe das ofertas de emprego público, unha especie de estrada privada á que o público non pode aceder. Outro privilexio que o convenio pretende establecer. 

Seguimos con privilexios; segundo o convenio o traballador encadrado na segunda actividade conservaría as retribucións como se tal cousa. Que fácil é despilafarrar o diñeiro que confiscan vostedes aos pagadores de impostos cada vez con máis agresividade.

Suma e segue, vostedes pretenden que o resto dos contribuintes, moitos dos cales teñen enormes dificultades para cotizar á seguranza social financien a seguranza social daqueles empregados laborais municipais que chegados aos 65 anos non teñan cotizado o tempo regulamentario. É dicir o que non rixe para o resto dos traballadores vostedes pretenden que rixan para os laborais do concello, estamos perante a clásica inxustiza preconizada polos sindicatos e asumida polo partido popular, naturalmente a custa dos demais.

Ademais este convenio conculca diversas normas ao non contemplar a regra que prohibe o aumento da masa salarial do concello.

Hai cousas até simpáticas, como a posibilidade de ausentarse o dia de Santa Rita, e se coincide con festivo pois trasladar a celebración, é a primeira vez que vexo un cambio de datas de celebración dun patrono, todo sexa feito con tal de folgar un pouco.

A consolidación de emprego temporal e interino e procesos de funcionarización outorgalle unha serie de privilexios e vantaxes ao persoal laboral con respecto a outros pretendentes ás prazas de funcionarios, de feito instaurase o método de concurso-oposición, onde se protexe aos interinos frente á concorrencia pública, isto obviamente é un privilexio.

Non ten nengún sentido que sexa o concello e non o propio traballador através do seu banco, o que transfira as cotas sindicais.

En definitiva o convenio fala moito de dereitos e garantias, palabras que en ocasións camuflan a concesión de privilexios a conta do pagador de impostos pero fálase moi pouquiño dos deberes do persoal.

E olliño coa clausula adicional terceira, na que di que a corporación se compromete  a orzamentar todo o necesario para garantir todos os aspectos económicos do presente convenio colectivo, é dicir,  quen vote hoxe afirmativamente este convenio está comprometendose a incumprir a normativa estatal a respeito do non aumento da masa salarial e da estabilidade orzamentaria.

O voto de C21 será negativo.

sexta-feira, 4 de outubro de 2013

VOTO PARTICULAR RELATIVO Á DESIGNACIÓN DE FESTIVOS LOCAIS.

VOTO PARTICULAR APRESENTADO POR C21-Tui REFERIDO AO DICTAME DA COMISIÓN DE CONTAS DO DÍA 19/09/2013 NO RELATIVO Á DESIGNACIÓN DE FESTIVOS LOCAIS E PRESENTADO NO PLENO DO 26 DE SETEMBRO, CO VOTO A FAVOR DE C21, VOTO CONTRARIO DE PP, PSOE E BNG, E ABSTENCIÓN DE AT.


En relación á fixación dos feriados locais, desde C.21 propomos mudar o feriado do martes de entroido para o luns de entroido e isto é pola mesma razón pola que as organización empresariais propuxeron no seu dia pasar os festivos aos luns para promover desta maneira a produtividade nas empresas e a competitividade da economía.

O propio presidente do goberno, Mariano Rajoy, dixo na sua investidura que sería conveniente trasladar os festivos aos luns, asunto que como moitos outros o PP foi incapaz de implementar ata dia de hoxe e que desde logo, como demostra a proposta da alcaldia de Tui, non é algo asumido e interiorizado polos membros do seu propio partido.

Pór o feriado en martes implica baixar a produtividade de alunos, profesores, funcionarios, empregados de todo tipo, etc. Está demostrado que os luns é un dos días de menos produtividade da semana, xunto cos venres, pondo o feriado en martes, ese luns é unha mistura de luns e de venres, ademáis de crear outro luns, en termos de produtividade, que sería o mércores posterior ao festivo.

Non é serio seguir lamentándose da crise e dos problemas que atravesa moita xente se despois non facemos todo o que podemos por combatela, mesmo pequenas cousas como esta.

segunda-feira, 10 de junho de 2013

Entrevista a @carlosvpadin na @radiomtui o 10/06/2013

Eis o audio da entrevista na que o noso voceiro municipal falou dos orzamentos do concello e fixo balance da situación municipal.





sábado, 8 de junho de 2013

Modificacións da ordenanza de venda ambulante logradas por C21

No pleno do 30 de maio, sairon adiante dous votos particulares presentados por C21 sobre a ordenanza de venda ambulante que se sometía a votación.



O primeiro voto particular pretendiar limitar a discrecionalidade e posible arbitrariedade do alcalde na concesión de postos de venda fóra da área delimitada:

PROPOSTA ORIXINAL PP: artigo 5, onde se lle volta a dar campo para a arbitrariedade do concello, onde se di: "fora do recinto destinado á venda ambulante non se permitirá a mesma, agás naqueles supostos, que de forma temporal e provisional, acorde conceder o alcalde da corporación, que o fará en cada caso de forma discrecional" 

PROPOSTA C21: "fora do recinto destinado á venda ambulante non se permitirá a mesma, agás naqueles supostos, que de forma temporal e provisional, acorde conceder o alcalde da corporación, que o fará en cada caso de forma debidamente xustificada, non podendo conceder autorización nun lugar que previamente lle foi denegado a outra persoa"

A proposta de C21 foi aprovada por unanimidade dos 14 concelleiros presentes no pleno (9 PP, 3AT, 1 PSOE e 1 C21).

O segundo voto particular pretendía evitar o absurdo de que quedasen proibida a venda na feira dos produtos alimenticios de fóra da comarca, C21 defende o mercado libre como mellor mecanismo de asignación de recursos en beneficio do conxunto da sociedade.

PROPOSTA ORIXINAL PP: "queda prohibida a venda de produtos alimenticios en xeral, a excepción dos propios do campo da zona ou comarca" 


PROPOSTA C21: Supresión da anterior frase.

A proposta de supresión da mencionada frase foi aprovada por unanimidade dos 14 concelleiros presentes no pleno (9 PP, 3AT, 1 PSOE e 1 C21).



terça-feira, 4 de junho de 2013

Condena ao acoso sofrido polo noso concelleiro

A agrupación local de Tui de Converxencia 21 quere condenar publicamente o acoso e insultos recibidos polo noso concelleiro, Carlos Vázquez Padín á saida do pleno municipal do pasado xoves 30 de maio.

Demoramos uns días en nos pronunciar en espera de receber notificación por parte da Plataforma desmarcándose deste acoso, a Plataforma foi contactada por email preguntándolle a sua postura sobre o acontecido, non tendo recebido resposta algunha ata hoxe dia 4 de xuño, nada máis lonxe da nosa intención que crear máis problemas dos que xa hai, pero o que tampouco vamos facer é cair nun silencio que sería complice, ao contribuir a que pasase inadvertido un acoso absolutamente intolerable en democracia.

O xoves pasado, 30 de maio, Carlos Vázquez Padín, o voceiro de C21 en Tui foi perseguido, pitado e acosado fisicamente ao sair do pleno municipal que tivera lugar xustamente antes, o noso concelleiro puido identificar claramente a unha persoa, que responde ao nome de Argimiro Martínez, viciño do Rosal, que é un dos voceiros da Plataforma do Baixo Miño, que encostado ao noso voceiro municipal foi berrándolle e insultandoo ata que logrou sair da praza do concello, o insoportable barullo causado polos pitos e vuvuzelas  imposibilitaban calquera diálogo e contribuiron a crear unha situación de absoluta indefensión.

Resúltanos absolutamente inxustificable a ao mesmo tempo moi chamativo que Converxencia 21 sexa obxecto deste tipo de ataque (que sería inxustificable fose cal fose a postura defendida e fose de quen fose esa postura) máxime cando sempre nos temos pronunciado de forma favorable aos afectados polas preferentes e á devolución do importe integro das cantidades que teñen atrapadas, mesmo chegando a sumarse Carlos a unha manifestación en Santiago de Compostela o 2 de febreiro reclamando unha solución ao problema das preferentes. A continuación entrevista na Radio Municipal de Tui onde Vázquez Padín explica a sua visión sobre a crise das preferentes.



Reafirmámonos nos nosos principios democráticos e liberais que nos levan a condenar con claridade calquera tipo de violencia e pedimos aos afectados polas preferentes, que son nunha inmensa maioria xente pacífica e vítimas dunha situación terrible e inxusta que impidan desde dentro das plataformas a proliferación de actos violentos que en nada axudarían a gañar aliados para a sua xusta causa.

sexta-feira, 31 de maio de 2013

Valoración orzamentos 2013

Desde C21 valoramos negativamente tanto este orzamento como a evolución na política orzamentaria deste goberno municipal desde o 2011, o primeiro que nos chama poderosa e negativamente a atención é o aumento orzamentario con respecto ao primeiro orzamento que vostedes trouxeron a aprobación a primeiros de ano, sei que me van dicir que é polas transferencias, pero claro, o diñeiro das transferencias corresponde a unha previsión de maiores ingresos de facenda e desde logo nun contexto como o actual, onde familias e empresas se están descapitalizando a marchas forzadas que apareza unha administración pública dicindo que recada máis por impostos, pois que queren que lles diga, pois simplemente que son vostedes e o seu partido o que está retrasando a saida da crise por negarse a cortar o gasto público e a baixar impostos.

Ademáis aumenta a previsión de ingreos por impostos directos, (de 2.342.968 a 2.479.102, o que representa unha suba do 5,81%) é dicir o Estado aumenta o esforzo fiscal que lles exixe aos contribuintes tamén, algo realmente bochornoso e que lle da a razón a C21 cando nos referimos ao sector público, especialmente ás decisións que toman os partidos que controlan o Estado, o verdadeiro lastre que nos impide sair da crise, vostedes a nivel municipal reproducen o esquema de comportamento confiscatorio e antiliberal dos seus xefes en Madrid e Santiago de Compostela.

É espectacular a queda dos investimentos reais desde que vostedes gobernan, de 2,275,729 € orzados en 2011, a 1,417,265, no 2012 a tan só 250,067 no 2013. Desde o 2011 os investimentos caen en -2.025.662,05 €, a frioleira dun -89,01%, é impresionante, xa que ata en termos absolutos os investimentos caen máis que o volume orzamentario total, que cae en -1.840.330,24 € e porcentualmente un -17,32%. Resumindo, se obviamos os investimentos o orzamento total do concello teria subido neste periodo trianual.



No anterior gráfico vemos como evoluen entre o 2011 e o 2013 o orzamento total (azul), os impostos directos (vermello), os gastos de persoal (amarelo), as transferencias correntes (morado) e os investimentos reais (verde).

A interpretación política deste feito tan chamativo é moi sinxela, manteñen as suas estruturas clientelares o que explica que sexan incapaces de axustar gasto de persoal e corrente e sacrifican o investimento que é o que podería ter un efecto multiplicador.

Gasto de persoal e corrente soben con respecto aos orzamentos do 2011 e do 2012.

Un elemento positivo deste orzamento é a liquidación do único pasivo financeiro que ficaba coa banca. De feito iso é o que teñen que facer as administracións desendebedarse, sanear o seu balance contribuindo así a sanear o balance da banca e por tanto axudando ao restablecemento do crédito e a que a inciativa cree emprego e riqueza. Tamén os podemos felicitar por inspirarse na proposta de C21 no que se refire a non cobrar 5 cotas nun ano de auga, lixo e sumidoiros. Ainda que teria sido mellor solución comezar a cobrar ao dia renunciando aos dereitos de cobro atrasados, é dicir, unha anmistia fiscal pero non aos defradaudadores, como gosta de facer o Partido Popular, senón a todos os cidadáns por igual.

Compensan a queda de impostos indirectos, aqueles que dependen da atividade económica, nomeadamente o ICIO coa suba dos directos, é dicir, nun momento no que familias e empresas sofren maiores problemas de liquidez vostedes o que fan é financiarse con incrementos da carga fiscal sobre eles. Demostrando unha vez máis que a administración non é axente da recuperación económica senón o principal atranco para a saida da crise.

Volta a subir o gasto en iluminación pública, despois de ter afirmado vostedes en varias ocasións que tomarían medidas encamiñadas a axustar este capítulo de 422.104 a 479.763 Euros, desde logo é moi chamativo este asunto, cando sería relativamente fácil rebaixar a factura da iluminación pública limitando o horario de acendido e posteriormente ir investindo en lámpadas de baixo consumo, desde C21 levamos insistindo neste asunto desde o inicio do mandato, pero non só non nos fan caso senón que ano a ano continuan incrementando o gasto neste capítulo, estamos falando dun capítulo que supón por si só, máis dun 5,46% de todo o orzamento, desde logo ou son vostedes moi incompetentes por non ter detectado unha fonte moi importante de aforro neste asunto, ou hai gato encerrado.

O fomento do emprego pasa de 195.699 € a 393.518 € Saben que lles digo do fomento do emprego, que o sector público só destrue emprego cando trata de fomentalo con politicas de estimulo, a evolución da crise ate hoxe indicao con claridade, e que farían vostedes o correcto se lle aforrasen ese diñeiro aos contribuintes e aproveitasen ese aforro para baixar impostos, asi é como se crearía emprego, só haberia un problema para vostedes, seria máis dificil vender o favor, haberia menos desemprego pero iso non é o que lles importa a vostedes, o que lles importa é crear uns poucos empregos de forma directa vendendo o favor mentras contribuen a destruir moitos máis na economía privada, permitanme que lles diga algo; xeran pobreza e despois alimentase politicamente dela.

Isto e como o alpendre que colocaron na praza da inmaculada para dicir que queren potenciar o comercio, o comercio está asfixiado polas suas subas de impostos que retraen o consumo, o que teñen que facer é baixar os impostos e baixar o gasto púbico e deixar de montar chiringos que paga o contribuinte para que vostedes coloquen a uns cantos paniaguados do PP, se non hai renda disponible non hai consumo, convén que a xente se decate de que eses telderetes sirven para colocar a uns cantos amigos seus a custa dos sectores produtivos deste País.